Chega Android 10

martes, 3 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A tradicional estatua de Android no Campus de Google retratada por Dave Burke

A partires de hoxe Android 10 é oficial, estando dispoñible inicialmente para os dispositivos da familia Pixel, confiándose en que nas vindeiras semanas chegue a moitos outros dispositivos (entre os que previsiblemente os primeiros sexan os equipados con Android One ou os que chegan da man de fabricantes como Nokia, que teñen un especial coidado nas actualizacións).
Esta nova versión está adaptada a novas tecnoloxías como os teléfonos encartables e o 5G, e inclúe preto de 50 cambios relativos á privacidade e á seguridade, xunto con moitas outras novidades de distinta índole. Por exemplo, as respostas intelixentes agora suxiren accións (por exemplo, cando nunha mensaxe nos envían un enderezo poderemos localizalo na aplicación de mapas sen copiar e pegar o texto), o modo escuro pode activarse a nivel de sistema (buscando unha redución do consumo e unha menor fatiga visual), a navegación por xestos busca aproveitar mellor as actuais pantallas case sen marcos, no outono poderase activar a funcionalidade de subtitulado en directo (que permitirá subtitular vídeos, podcasts ou mensaxes de audio de calquera aplicación), a aplicación Family Link facilitará o control parental, poderanse silenciar certas aplicacións cando precisemos concentrarnos nunha tarefa, increméntanse as opcións de control da nosa privacidade e incluso incorpóranse nosos emoji.
Pero cómpre lembrar que posiblemente o meirande cambio que trae estar versión de Android é que en vez de responder ao nome de Android Q, pasa a chamarse Android 10, estreando unha nova nomenclatura.

Vídeo no que destacan varias das novidades máis importantes de Android 10

PUBLICIDADE