Chega Carmucha VST, a primeira ferramenta virtual de percusión tradicional galega

xoves, 17 de xullo do 2025 S. P.

O primeiro plugin de música tradicional galega xa é unha realidade. Carmucha VST é unha nova ferramenta dixital pensada para achegar a percusión tradicional galega ao mundo da produción musical moderna, segundo indicaron os seus creadores (Lijas Virtual Sampler e MOB Studios), engadindo que estamos ante “o primeiro VST creado integramente en Galicia, libre, accesible e totalmente gratuíto, que permitirá a calquera persoa crear ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro dende o seu computador”.
Indican que o obxectivo de Carmucha VST non é outro que “poñer a música tradicional galega ao alcance de todos, tanto para quen queira mesturala con estilos contemporáneos como para quen simplemente precise practicar pasos de baile ou ensinar nunha aula”.
Carmucha inclúe:
-Patróns rítmicos autóctonos (muiñeira, pandeirada...) listos para arrastrar a calquera secuenciador.
-Controis dinámicos para personalizar cada golpe (ataque, volume, cola...).
-Efectos integrados: reverb, compresor e ecualización.
-Dobre formato: VST para usar en programas de produción musical e Standalone como aplicación independente.
“Esta última versión”, explican, “resulta especialmente útil para academias de baile tradicional, que agora poderán practicar pasos cun acompañamento rítmico galego e adaptable á velocidade que desexen”.
Aínda que o desenvolvemento non está completamente rematado, espérase lanzar unha primeira versión pública en setembro, coincidindo con datas escolares e festivais culturais. A ferramenta poderá descargarse de balde dende a súa páxina oficial (que estará operativa en breve).
Carmucha VST nace como un proxecto independente e sen ánimo de lucro, cun único obxectivo: poñer en valor a cultura galega a través da tecnoloxía. “Trátase dunha homenaxe a todas aquelas persoas que mantiveron viva a tradición durante xeracións”, indican.

Vídeo de presenración de Carmucha VST