Chega Feiradoc.gal, o documental interactivo sobre a feira galega contemporánea

venres, 2 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente, o documental interactivo sobre a feira galega e o seu relevante papel socioeconómico na nosa historia recente e antiga, vén de ser lanzado na Rede a través da páxina web específica feiradoc.gal, un sitio dixital que plasma á perfección o espírito da peza audiovisual e que salienta en parte pola súa calidade visual e informativa e en parte tamén polo seu compoñente de preservación dunha realidade en vieiros de desaparecer. O documental, como lembraremos, foi desenvolvido ao abeiro da segunda Bolsa Nacho Mirás para novos titulados, convocada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e máis ABANCA. A obra foi dirixida por Laura Santos e Jorge Váquez e, segundo nos conta o colexio, “reúne testemuños de feirantes nas catro provincias galegas, para construír unha visión ampla do que supón o mercado tradicional nas nosas vilas”.
O documental, amais de destacar polo achegamento que propón a unha práctica social e económica que se remonta a unha manchea de séculos atrás (que nos define e que ao mesmo tempo está en risco de esmorecer por mor do afianzamento de novos modelos produtivos e sociais), tamén salienta polo seu compoñente innovador. Segundo lembran os responsábeis da obra, o compoñente interactivo “permítelle ao usuario decidir por onde quere seguir o seu camiño virtual polas feiras do país”, un camiño percorrido na compaña dos feirantes e os seus relatos, as máis das veces saudosos dos tempos en que as feiras eran un fervedoiro de xente procedente de todos os recantos da nosa terra (os grandes e históricos mercados de gando das nosas vilas e cidades).
Os directores do proxecto, Laura Santos e Jorge Vázquez, tamén poñen o foco no “feito de facer memoria dixital e deixar pegada preservando relatos que antes ou despois desaparecerán”. Ao seu xuízo, proxectos coma este son “un xeito de seguir formándonos, de experimentar cos formatos e de darlle visibilidade a un fenómeno de moito peso na nosa sociedade". Ambos os dous teñen traballado en proxectos dixitais, son titulados en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña. Laura Santos cursa o Máster en Direccción de Arte Publicitaria, Jorge Vázquez é Máster en Comunicación e Industrias Creativas e investigador doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, onde estuda as narrativas de non ficción interactiva.
O documental interactivo ten presenza en Facebook e Instagram, onde os interesados poderán seguir as novidades do proxecto e enviar as súas visións en formato audiovisual para facer de Feira unha obra colaborativa.

PUBLICIDADE