Chega GEMA, a IA galega que reforza o vínculo entre médico e paciente
xoves, 3 de xullo do 2025
No contexto dunha IA que muda a forma na que moitas persoas se relacionan coa súa saúde vén de ver a luz a aplicación galega GEMA, unha plataforma de Intelixencia Artificial clínica desenvolvida por médicos para médicos e cuxo obxectivo é acompañar ao paciente tras a consulta e sen substituír en ningún caso o labor profesional, ao tempo que “ofrece aos médicos unha ferramenta segura, personalizada e eficaz”.
“Sabemos que os pacientes seguen tendo dúbidas cando saen da consulta. Esta tecnoloxía ofrécelles apoio continuo, coa tranquilidade de que as respostas están validadas polo seu propio médico”, apunta María Martínez Villaescusa, nefróloga, experta en nutrición clínica e saúde hormonal feminina e co-fundadora de GEMA. “É unha nova forma de estar presente”, engade.
Segundo explica, a aplicación permite que cada médico cree o seu propio axente de Intelixencia Artificial, adestrado co seu coñecemento, estilo e protocolos. Este axente só se activa tras un diagnóstico real e acompaña ao paciente durante o seu tratamento ou entre consultas, resolvendo dúbidas, facendo monitoraxe de síntomas e avisando ao profesional se detecta algo relevante. Deste xeito, cada paciente conta cun axente único, adaptado ao seu historial clínico, a súa evolución e as súas necesidades, e ademais o médico pode configurar como debe comunicarse o asistente, que temas debe abordar e en que casos debe alertar.

- A doutora maría Martínez Villaescusa, co-fundadora de GEMA
Segundo conta María Martínez, un dos aspectos máis relevantes desta ferramenta, cuxo obxectivo é que os médicos cheguen na relación cos seus pacientes onde antes non chegaban, é que
“foi concibida por médicos para médicos”. De feito, dous dos seus fundadores son profesionais sanitarios en activo, o que garante unha visión clínica desde a orixe. Cada axente de Intelixencia Artificial adéstrase co coñecemento do propio médico, “o que permite ofrecer respostas aliñadas co seu criterio profesional, o seu ton e os seus protocolos”, sinala María, engadindo que GEMA non diagnostica nin substitúe ao profesional, senón que se activa exclusivamente tras unha consulta médica, para acompañar ao paciente durante o seu tratamento. “Ademais”, engade, “está deseñada para integrarse facilmente con plataformas de historia clínica, dispositivos de seguimento e outras ferramentas dixitais do ecosistema sanitario, dando como resultado unha solución segura, personalizada e profesional, que mellora a atención sen perder o vínculo humano entre médico e paciente”.
Pola súa banda, Francisco Gago, director executivo (CEO) e co-fundador de GEMA, sinala que “existen xa múltiples solucións de IA que asumen tarefas tradicionalmente médicas. A substitución en procesos repetitivos ou analíticos é imparable, e a evolución tecnolóxica tende a reducir o contacto entre médico e paciente”; pola contra GEMA propón xusto o contrario: usar a tecnoloxía para ampliar ese contacto e achegar ao médico ao día a día do paciente. “É como un ChatGPT á túa medida, creado e supervisado en todo momento polo teu médico”, afirma.
Máis de 50 de médicos en España xa crearon o seu propio asistente virtual grazas a GEMA. Son profesionais de distintas especialidades que decidiron integrar a Intelixencia Artificial na súa práctica clínica co obxectivo de mellorar o servizo aos seus pacientes, estar máis preto e obter información útil incluso fóra da consulta.
