Chega Latingal, app para traducirmos termos latinos ao galego
martes, 20 de setembro do 2016
As novas tecnoloxías son un terreo de grandes
potencialidades comunicativas, pero (dende logo) tamén lingüísticas.
Son, para entendernos, un xeito de situar o galego no mundo e aos
restantes idiomas en relación co noso. Dan
man de dous investigadores galegos chéganos, precisamente, unha
inesperada proposta de interacción entre linguas: entre o galego e o
latín. Falamos da aplicación Latingal, que permite buscar unha
palabra latina e atopar a súa definición e equivalentes na nosa
lingua.
Foi presentada a semana pasada e parte dunha base de
30.000 entradas. Segundo o seu equipo de creadores (os profesores e
tradutores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga), é dende logo
a primeira das súas características. Polo de agora só está
dispoñíbel para aparellos con sistemas Android, pero estase a
traballar na versión iOS.
Con Latingal, Raúl Gómez e José Carracedo cobren
unha serie de vertentes de interacción que até o de agora ficaban
baleiras: non existía até o de agora un recurso tecnolóxico que
nos permitise un achegamento tan directo ás relacións e
equivalencias existentes entre o latín e o galego, por non falar do
potencial de Latingal como recurso investigador e como elemento
normalizador das TIC no ámbito lingüístico e cultural. Segundo
apuntan os creadores, amais de todo o devandito cómpre engadir outra
característica: estamos ante unha ferramenta útil para a tradución
e para o ensino medio e superior, “pois ofrece múltiples filtros
de busca e permite a consulta dos termos fóra de liña, sen
necesidade de conexión”.
Segundo se engade dende o Portal das Palabras,
Latingal vén cubrir ademais un oco necesario para a normalización
plena da nosa situación cultural e lingüística, ao converter o
primeiro Dicionario latín-galego (publicado por Carracedo
en Galaxia, 1999) nunha app “con maior versatilidade e
posibilidades”.