Chega Myur!, a aplicación coruñesa que permite alugar produtos e fomentar o consumo responsábel
mércores, 7 de xullo do 2021
O
panorama de aplicacións móbiles que nos axudan á tarefa tan
crucial de ser máis sustentábeis e de apostar pola economía
circular segue a enriquecerse. Dende A Coruña chegounos estes días
a que sen dúbida é unha das máis destacadas, sobre todo porque nos
permite obter rendementos ao tempo que favorecemos o consumo
responsábel: a ferramenta Myur!
En concreto, trátase dunha aplicación de alugueiro de produtos
entre persoas que se queiran desmarcar da febre consumista e gañar
diñeiro dando un segundo uso a obxectos que xa non utilizan. É polo
tanto un servizo onde podemos emprestar cousas que non empregamos
(ferramentas, vehículos, material electrónico, equipos de traballo,
accesorios para viaxes, instrumentos musicais, servizos de formación,
etc) a diario e alugar aquilo que precisamos por tempo limitado.
“A
nosa tecnoloxía”, cóntanos o equipo responsábel deste
desenvolvemento, “está desenvolvida para crear unha experiencia de
usuario fácil, sinxela e segura, ofrecendo diferentes verificacións
ao longo do proceso de alugueiro: identificación dos usuarios, fotos
ao iniciar e finalizar o alugueiro, pago asegurado ao rematar o
préstamo”.
A
aplicación xa está dispoñíbel para dispositivos con Android e
iOS, e tamén se achega en versión web. Segundo indican os
impulsores desta startup coruñesa, “calquera usuario pode
alugar calquera cousa por unha cantidade fixada á hora, ao día,
semana ou mes e, opcionalmente, pódese pedir unha fianza que se
reterá durante o aluguer e devolverase sempre que o obxecto se
devolva nas mesmas condicións nas que se alugou”.
Lecer.app
Amais
de Myur!, o equipo coruñés puxo en marcha este 2021 un segundo
proxecto tecnolóxico, Lecer.app,
que como se indica no seu nome, constitúe un servizo para axudarnos
a desfrutar do noso tempo libre. Poderemos atopar ofertas, suxestións
e ideas para todo tipo de lecer, idade e intereses. “Lecer non é
só para as vacacións”, explican, engadindo que “o seu obxectivo
é formar parte da vida diaria dos usuarios como ferramenta para
sacar o máximo partido ao noso tempo libre”.