Chega Sabor Rural, o marketplace definitivo para os nosos sectores alimentario e turístico

xoves, 2 de setembro do 2021 S. P.

O empresario lucense José María López Bourio vén de xuntar forzas con outros catro emprendedores especializados nas máis avanzadas estratexias de venda en liña para poñer en marcha unha iniciativa onde relanzar, reivindicar e poñer no mundo os produtos dos sectores galegos alimentario e turístico.
Estamos a falar de Sabor Rural, que aspira, en palabras de López Bourio, “a ser o marketplace definitiva destes dous sectores tan relevantes para a economía”, poñendo ao seu alcance unha plataforma para promoción e a comercialización a través de Internet de todo tipo de produtos e servizos (produtos alimentarios e servizos turísticos relacionados con Galicia, a súa gastronomía e as experiencias baseadas na natureza, a cultura, o patrimonio, a historia e as tradicións).
A iniciativa presentarase estes días no evento SALIMAT – Salón Alimentario do Atlántico, que abre as súas portas en Silleda entre os días 3 e 5 de setembro.
Segundo informa o equipo de impulsores da plataforma, Sabor Rural “é moito máis ca unha tenda en liña, pois aspira á modernización do turismo de Galicia baseado nas novas tecnoloxías e cun importante desenvolvemento web, incluíndo tamén aplicacións innovadoras dixitais con contidos de gran calidade e utilidade”. Por exemplo recomendacións, mapas, aplicacións móbiles, vídeos, fotografías, códigos QR, información de lugares de interese, etc.
Engaden que estamos ante un proxecto “con alta calidade técnica en termos de innovación pola novidade de agregar nunha soa plataforma en liña toda a información e os servizos relacionados coa modernización dixital do noso sector turístico sen necesidade de consultar outras páxinas web”.
Sabor Rural aparece en escena con varios obxectivos claros:
-Creación dunha plataforma de venda en liña de produtos alimentarios de calidade representativos da gastronomía de Galicia, para a comercialización en toda España e no estranxeiro.
-Posta en marcha dun espazo web de experiencias, unhas relacionadas coa Gastronomía, nas que se inclúe conxunto de accións de turismo cultural e gastronómico, e outras denominadas Rutalgal – TIC Turismo, nas que se engloba un conxunto de actuacións no ámbito da arte, o patrimonio, a natureza e a gastronomía, para a súa venda en paquetes de ticketing a través da web.
-Materialización dun espazo web denominado Comer e Beber onde se dá acubillo a un conxunto de actividades coordinadas, entre produtores alimentarios e establecementos de hostalaría onde se promoven actuacións de degustación e campañas de promoción de produtos, danse a coñecer novos produtores e reflíctense aqueles establecementos de hostalaría, restaurantes, bares, tascas onde comer e beber “é un pracer na visita á nosa terra”.
-Creación dun espazo web chamado De Tapas Por, no que se inclúe unha serie de establecementos singulares onde degustar as mellores tapas en Galicia.
-Habilitación dunha páxina, De Viños Por, con similares características ao anterior.
-Creación dun blog de recomendacións para o visitante na súa viaxe a Galicia, que abrangue temas culturais, de patrimonio, natureza, gastronómicos.
-Levar aos mercados exteriores a plataforma e facelo en inglés para a súa difusión e para a captación de visitantes estranxeiros.
-Presenza intensa en redes socias (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube) para obter a máxima difusión e captación de usuarios/clientes.
-Analítica de inboud mercadotecnia, ou sexa, captación de potenciais consumidores apaixonados da marca Galicia.
-Desenvolvemento de aplicacións móbiles e códigos QR de información de todas as fases do proxecto.
-Creación dun Club Vip. Trátase dun programa captar e manter no tempo clientes e visitantes e que adquiran produtos gastronómicos e servizos turísticos a través da plataforma.
-Promoción provincial. Cada provincia galega ten na plataforma unha serie de espazos dedicados á promoción da súa gastronomía, das recomendacións para comer e beber, das rutas naturais, da cultura e o patrimonio histórico.

PUBLICIDADE