Chega VIDIV, un asistente de voz que fala en galego de xeito nativo

xoves, 29 de xaneiro do 2026 S. P.

Este mes de xaneiro a empresa galega VIDIV achegou o que sería nas súas palabras, “o primeiro asistente de voz capaz de falar en galego de maneira nativa”. O sistema VIDIV, que emprega a tecnoloxía LiveKit para o procesamento de voz e audio, abranguerá de xeito paulatino todas as linguas co-oficiais do Estado. “Trátase do primeiro SDR con capacidade para establecer unha conversa completa en galego, co acento e musicalidade propia do idioma”, sinalan os seus creadores, engadindo que vén con dúas versións de voz (masculina e feminina).
Apuntan tamén que “as empresas de Galicia que implementen os asistentes de VIDIV poderán tirarlles proveito como parte da súa forza comercial ou para atención ao cliente falando en galego e utilizando só léxico propio da comunidade”.
VIDIV poderá discernir entre diversos fenómenos fonéticos segundo reciban chamadas de comarcas con acentos máis marcados, como os habituais de aldeas lucenses ou da Ribeira Sacra, entre outros.
“Tiñamos claro que a primeira lingua que tería que aprender VIDIV sería o galego. Non en balde VIDIV naceu en Porriño e xa permite manter centenares de conversas de maneira simultánea con galegos falantes. A través da súa intelixencia artificial pode recoñecer acentos, particularidades e xiros de cada un dos seus máis de 300 municipios”, explicou Marcos Eguillor, director de negocio de VIDIV.
Engade que para lograr os ditos obxectivos (a capacidade de manter un diálogo absolutamente fluído en galego) foron precisos meses de adestramento para que en apenas 2 milisegundos reaccione a características fonéticas como o “teismo”, que consiste no uso de te como obxecto directo e indirecto en parroquias limítrofes con Zamora, ou as ausencias de gheada e seseo. “Ademais, os modelos de sínteses de voz foron adestrados a conciencia para replicar fielmente a musicalidade, acento e cadencia propias do galego”, recalca Eguillor.
Con esta chiscadela en galego, VIDIV consolídase como a opción preferida polas empresas galegas para conectar tanto co seu público como con provedores. No escaso medio ano desde que fose lanzada, conta con numerosos clientes con presenza internacional, moitos deles do sector da formación como IE University, HeadSpring e, en Galicia, FEMXA, empresa situada en Vigo e especializada na consultoría e formación profesional para o emprego desde hai máis de 25 anos.
“VIDIV poderá detectar ao instante desde que comarca de Galicia están a falar, podendo responder en galego e empregando modismos e xiros propios que use o interlocutor. Así, a sensación de proximidade é absoluta e as empresas e negocios de Galicia verán a este asistente como a panca perfecta para xerar negocio”, explicou Eguillor, engadindo que VIDIV supón “un auténtico revulsivo para as empresas ao poder atender centenares de conversas de maneira simultánea en tempo real 24 por 7”.
Amais, ao contar cun retardo de tan só 2 milisegundos, a sensación de estar a establecer unha comunicación cun humano “é absoluta”, sinala Eguillor, salientando que “a marcación faise a un número nacional, o cal non supón ningún custo adicional para o usuario; en contraposición con outros SDR cuxas chamadas son a EEUU, facendo que o servizo sexa moito máis caro”.
Desde VIDIV lembran que “o asistente é o partner perfecto para todos aqueles negocios de comercio electrónico onde precisen soporte multitarefa 24 horas ao día para atender peticións de potenciais clientes, así como o aliado idóneo para resolver calquera dúbida en contornas B2B para forzas comerciais”.
LiveKit é a tecnoloxía que subxace en VIDIV e coa que se está investigando desde hai xa máis de tres anos para todo o procesamento de audio e vídeo en streaming de maneira síncrona.