Chega Xeoclip, a canle en galego para formar aos nosos vindeiros xeólogos

venres, 1 de setembro do 2017 Redacción

Fan falta iniciativas de divulgación científica en galego a través das redes, inspirándonos en parte no éxito do proxecto Unicoos impulsado por David Calle? A resposta é un “si” sen fisuras, e máis se temos en conta a importancia que lles dan aos servizos de comunicación dixital as novas xeracións. Servizos como por exemplo YouTube. Por isto e por outras razóns, dámoslle a benvida a Xeoclip, unha nova (e innovadora) canle educativa dende a que se están a lanzar vídeos explicativos sobre xeoloxía e ciencia. A proposta vén da man dos profesores Xacobo de Toro e Adela Otero.
Segundo puidemos saber a través do xornal Que pasa na Costa, o xermolo do proxecto está nunha licenza de estudos da Consellería de Educación e, antes diso, na constatación do poder de influencia das redes e dos contidos dixitais entre a nenez e a mocidade. Non só poder comunicativo, senón tamén divulgativo. A actividade audiovisual do profesor de Toro (IES Urbano Lugrís, de Malpica) estase a publicar baixo licenza de atribución Creative Commons (reutilización permitida) e xa deu como resultado (a día de hoxe) 14 vídeos, aos que se suman as pezas previas de Xacobo de Toro ao abeiro do Plan Proxecta Meteoescolas. En Xeoclip están a tocar múltiples facetas e aspectos relacionados co estudo da xeoloxía, como por exemplo a estrutura interna da Terra, os recursos para estudar a actividade sísmica, a teoría da deriva continental o o estudo das placas tectónicas.

PUBLICIDADE