Chega a 3ª edición dos Premios ETIV-UVigo con 8 categorías de localización de videoxogos

venres, 10 de xaneiro do 2025 S. P.

Este venres 10 de xaneiro arrinca a engrenaxe da terceira edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, galardóns impulsados pola Universidade de Vigo e o grupo Tradución & Paratradución (T&P) que reivindican a importancia da industria gamer e distinguen o traballo dos profesionais que fan posíbel que este produtos dixitais cheguen a máis públicos, en máis idiomas e de maneira máis accesíbel. Na organización do certame, que inclúe 8 categorías, atópanse os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez.
A terceira edición comprende as seguintes modalidades: Mellor localización de xogo con dobraxe; Mellor localización de xogo sen dobraxe; Mellor localización de xogo indie; Xogo máis accesíbel; Mellor xogo en galego; Mellor xogo en catalán; Mellor xogo en éuscaro e, finalmente, Premio Manolo Ramos ao mellor traballo de investigación. Esta última categoría foi lanzada por primeira vez o ano pasado, pero de xeito individual e fóra desta convocatoria de galardóns, e o seu obxectivo é “recoñecer a calidade dos proxectos realizados polo persoal docente e investigador neste eido, incentivando a xeración de novas liñas de estudo”. Nesta modalidade o xurado terá en conta aspectos como os obxectivos e a xustificación do estudo, a metodoloxía, o rigor científico, as novas perspectivas ou aplicacións prácticas e a calidade formal do traballo. En definitiva, esta categoría, explican Ferreiro, Yuste e Méndez, “é unha mostra do compromiso dos Premios ETIV-UVigo co fomento da investigación de calidade nun sector que, aínda que relativamente novo, está a ter un impacto global enorme”.
Para os tres docentes implicados na organización, os Premios ETIV-UVigo buscan “poñer en valor un sector que é fundamental na industria dos videoxogos, pero que, a miúdo, non recibe a visibilidade que merece”. Subliñan que a localización de videoxogos “vai moito máis alá da tradución; implica adaptar os xogos a contextos culturais diversos para que os xogadores de diferentes rexións poidan vivir unha experiencia inmersiva e auténtica”. Os docentes salientan tamén ao protagonismo que os premios lles dan ás outras linguas oficiais, creando categorías específicas para recoñecer “non só o traballo de adaptación a estas linguas, senón tamén fomentar a súa presenza nun sector de grande impacto social e cultural como é o dos videoxogos”. Para os tres docentes, este é un xeito de “ reivindicar que as linguas minorizadas” no ámbito dixital e amosar que “poden ofrecer experiencias de xogo de gran calidade”.
Este venres 10 de xaneiro ábrese a votación para que o público, a través da plataforma DoblajeVideojuegos, escolla os seus traballos favoritos para que sexan candidatos. Os dez proxectos máis votados en cada categoría avanzarán á seguinte fase, na que o alumnado do Título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo será quen elixa os tres títulos finalistas nas categorías de Mellor localización de xogo con dobraxe, sen dobraxe e de xogo indie. No que se refire ás categorías das outras linguas oficiais do Estado (galego, catalán e éuscaro) e accesibilidade, as propostas pasarán directamente ao xurado final, aínda que o alumnado poderá colaborar completando as listaxes de candidaturas.
O xurado composto por profesionais da prensa especializada e profesorado universitario será quen seleccione os proxectos gañadores, que serán anunciados nunha gala prevista para finais de curso.