Chega a Android o xogo remoto de Steam

venres, 18 de maio do 2018 Marcus Fernández

O xogo remoto non é unha funcionalidade extraordinariamente nova, pero normalmente dependía de contar con consolas de videoxogos ou un hardware moi específico, pero dende Steam, a principal plataforma dixital de xogos para ordenador, veñen de ampliar enormemente as súas posibilidades ao desprender o servizo Steam Link dun accesorio que adquirir por separado, e permitir substituílo por unha aplicación móbil, xa dispoñible para Android.
A nova aplicación en beta permite que se temos un smartphone, unha tableta ou incluso algúns dispositivo con Android TV podamos conectarnos a través de cable ou de Wi-Fi (na banda dos 5 GHz para unha maior velocidade) ao noso ordenador persoal e así poder gozar dos seus xogos a distancia totalmente de balde.
A aplicación é compatible co Steam Controller e con moitos outros sistemas de control vía Bluetooth, de xeito que podemos gozar de xogos de ordenador no teléfono, na tableta ou no televisor sen ter que estar diante do PC, aínda que o uso dos dispositivos con Android limítase á funcionalidade de pantalla remota, xa que os xogos non se adaptan a un control táctil.
Para o funcionamento desta tecnoloxía consiste en coller a pantalla dos xogos de ordenador e codificala en tempo real en vídeo no formato H.264 para envialo a través da rede local mediante un protocolo de baixa latencia, para que poida amosarse na pantalla dos dispositivos móbiles e televisores.
A beta de Steam Link precisa de Android 5.0 ou superior e permite gozar de vídeo até 4K a 60 imaxes por segundo, dependendo o rendemento desta aplicación á potencial dos equipos conectados e á velocidade de rede entre os mesmos.

Con Steam Link podemos gozar dos nosos xogos de PC en dispositivos móbiles
Os xogos de PC poden verse en dispositivos móbiles con grande calidade e cun retardo mínimo

PUBLICIDADE