Chega a Arzúa a loita contra as novas falsas nas redes do Colexio de Xornalistas
xoves, 22 de maio do 2025
Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recalaron onte en Arzúa, onde Sara Garea impartiu dous obradoiros deste programa de alfabetización mediática que se desenvolve en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
Foron dous talleres impartidos por Sara Garea López ás 8:50 e 10:50 da mañá. Garea, licenciada en Comunicación Audiovisual, está especializada en comunicación corporativa e conta cunha ampla experiencia de máis de 15 anos en xestión da comunicación interna e externa. Na actualidade, traballa para Radio Líder Santiago como redactora e locutora.
O Colexio de Xornalistas, co gallo desta actividade, lembrou que o aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están “a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes”. É por iso que o Colexio, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. “O noso obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas”, sinalan, engadindo que “no caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers”.
Todos os obradoiros estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
