Chega á Cidade da Cultura Orixes, a instalación de realidade virtual sobre a orixe da vida

xoves, 27 de febreiro do 2025 S. P.

Na mañá de hoxe, xoves 27 de febreiro, a compostelá Cidade da Cultura acollía a inauguración de Orixes, unha nova instalación inmersiva que une creatividade e tecnoloxía para achegar ao público galego experiencias innovadoras no eido das artes dixitais; entre outros, ao acto asistiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Orixes propón ás persoas visitantes unha viaxe a través da evolución da vida no planeta Terra, ao tempo que promove a conciencia medioambiental, de xeito especial entre as xeracións máis novas.
Segundo o conselleiro: “Orixes é unha mostra máis de todo o potencial que ten o sector da creación dixital en Galicia, un eido no que aspiramos a situarnos na vangarda co Centro de Artes Dixitais, que remata as súas obras este mesmo ano aquí na Cidade da Cultura”.
Cómpre salientar o carácter accesíbel desta andaina dixital, concibida para todos os públicos en liña cos obxectivos da nova Lei de cultura inclusiva e accesíbel de Galicia, “cunha escenografía sen barreiras arquitectónicas e o emprego de chalecos táctiles de vibración que melloran a experiencia
sensorial, especialmente no caso de persoas xordas ou con dificultade auditiva”, explicou.
López Campos convidou a toda a cidadanía galega a poñer as lentes de realidade virtual e vivir esta experiencia, que se ofrece de balde aos centros de ensino, “co obxectivo de que o colectivo escolar, a partir de cuarto curso de Educación Primaria, poida acceder sen limitacións a unha instalación que cremos ten un enorme potencial didáctico para os nenos e nenas”.
Orixes, que abre as súas portas ao público mañá venres 28 de febreiro no primeiro andar do Museo
Centro Gaiás, propón unha viaxe no tempo a través de máis de catro mil millóns de anos, levándonos até as mesmas orixes da Terra. Atravesando momentos clave da evolución das especies que poboaron o planeta: a explosión da vida nos océanos, a proliferación dos grandes bosques terrestres, a evolución dos anfibios e, despois, dos réptiles, os grandes dinosauros ou a aparición dos antecesores dos primeiros mamíferos. Durante este percorrido, as persoas visitantes poden descubrir seres xa extintos, pero tamén outros que habitan o noso planeta desde moito antes que o ser humano. Orixes atravesa tamén eventos catastróficos nos que a vida na Terra se enfrontou á súa
extinción, lanzando ao público unha reflexión sobre a capacidade da humanidade para influír no destino do planeta.
A instalación aposta polo emprego da tecnoloxía de realidade mixta, na que as capas de realidade virtual se superpoñen á arquitectura física ao longo dun percorrido por máis de 1.200 m² de superficie do primeiro andar do Museo. Con lentes de realidade virtual, as persoas visitantes poden ver e camiñar por ambos mundos, o físico e o dixital. Os chalecos táctiles de vibración que emprega a instalación potencian ademais o son ambiente da experiencia, incrementando a sensación de
inmersión durante o percorrido. A través dunhas mans virtuais, as persoas visitantes poden interactuar de maneira sinxela e intuitiva coas especies recreadas nesta aventura dixital, mentres coa guía dunha voz en off (en galego, castelán e inglés) se lles van revelando detalles sobre o devir da Terra ao longo de dioivos, impactos de meteoritos ou grandes erupcións volcánicas.
O director do proxecto, Carlos Seijo, explicou no acto de apertura que as recreacións das especies animais e vexetais de Orixes están realizadas cunha plasticidade artística que pretende mover conciencias. Con esta nova instalación inmersiva, a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de contidos vencellados á arte dixital e ás novas tecnoloxías, logo de Hábitats.
Orixes está producida polo estudo galego Maxina, especializado no eido das artes visuais, o modelado e animación 3D, que realizou proxectos para Afundación, Netflix, Ferrovial, Xunta de Galicia ou o Guggenheim de Bilbao, entre outras.
A instalación é accesíbel a todo o público a partir de 8 anos de idade e as entradas están xa á venda a un prezo de 5 euros (máis gastos de xestión) a través de Ataquilla e do despacho de billetes do Museo Centro Gaiás. Tamén se pode xa reservar quenda, de balde, para a visita dun grupo escolar, a través da web da Cidade da Cultura.