Chega a España o LG Optimus G

luns, 22 de abril do 2013 Marcus Fernández

O LG Optimus G, que a primeiros de ano superou o millón de unidades vendidas en Corea do Sur, por fin está dispoñible en España, e o seu desembarco está a ser bastante intenso, de xeito que este smartphone considerado como o irmán maior do Nexus 4 vén acompañado por unha campaña publicitaria chamada FeelPhone (cunha produción dirixida por Pablo Berger e protagonizada por Mario Casas e Macarena García) e está dispoñible a través de varias operadoras (Vodafone, Orange e Yoigo) e establecementos comerciais (El Corte Inglés, Media Markt, The Phone House, FNAC...), polo que pode converterse nun terminal con grande presenza nas vindeiras semanas.
O novo teléfono de LG chega con Android 4.1.2, pantalla IPS+ de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon S4 Pro de 4 núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, cámara de 13 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p, batería de 2.100 mAh, só 8,45 milímetros de grosor e un peso de 145 gramos.
Temos así un smartphone moi atractivo, que destaca especialmente no catálogo de LG, e que libre ten un prezo de venda ao público habitual de 599 euros, que tamén está dispoñible mediante financiamento/subvención a través de operadores móbiles, converténdose nun dispositivo asumible para moitos consumidores que queren facerse cun móbil de alta gama sen facer un grande desembolso económico inicial (que no caso de Amena sería de só 437 euros, permitindo dividir tal candidade en 24 mensualidades).


Mario Casas e Macarena García protagonizan a campaña promocional do LG Optimus G en España

PUBLICIDADE