Chega a España o Surface Duo 2

luns, 15 de novembro do 2021 Redacción

En setembro Microsoft presentou novos produtos da familia Surface, entre os que figuraba un smartphone con dúas pantallas que busca servir de alternativa aos produtos con pantallas encartables, e que chega hoxe mesmo ao mercado español a un prezo de 1.649 euros cunha capacidade de almacenamento de 128 GB (con 256 GB custaría 1.749 euros e con 512 GB venderíase a 1.949 euros), estando este produto dirixido unicamente a empresas.
O Surface Duo 2 é un smartphone bastante curioso, polo seu deseño baseado en dúas pantallas e a posibilidade de utilizar un lapis dixitalizador sobre as mesmas, de xeito que é un dispositivo claramente orientado á produtividade, para o que enténdese que vai moi ligado ao uso do servizo Microsoft 365 e de Microsoft Teams, pese a que o sistema operativo co que funciona sexa Android.
O trebello está formado por dúas pantallas AMOLED PixelSense de 5,8 polgadas cunha resolución de 1.344 x 1.892 píxeles, refresco de 90 Hz e un brillo máximo de 800 nits que xuntas poden comportarse como unha grande pantalla de 8,3 polgadas. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 888 5G, integra unha cámara dinámica de tripla lente, son estéreo, NFC para pagamentos contactless, lector de impresións dixitais, dúas baterías de 4.449 mAh e, aparte do espazo para unha nano SIM tamén ten soporte de eSIM.

JPEG - 122.3 KB
A cámara frontal de 12 Mpíxeles do Surface Duo 2 permite realizar videoconferencias a 1.080p

Vídeo promocional do Surface Duo 2

PUBLICIDADE