Chega a España o móbil emporiaCLICK

martes, 20 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Para os usuarios que precisan dun teléfono móbil sinxelo, con teclas de grande tamaño doadas de ler, e cunha pantalla que presente texto en grandes dimensións levamos tempo contando con terminais de Emporia que teñen unha boa aceptación pública, e que evolucionan agora co emporiaCLICK, móbil que xa está dispoñible en España e que destaca por adoptar por un formato de tapa (minimizando as chamadas accidentais) incorporando tamén Bluetooth e cámara de doado manexo (pois conta cun botón dedicado para o disparo de fotografías).
O emporiaCLICK tamén conta cun altofalante de grande potencia, lanterna LED, función de chamada de emerxencia (con só premer un botón situada na parte posterior do teléfono), marcación rápida para os 3 contactos máis importantes e indicadores na súa tapa para que co móbil pechado poidamos saber se recibimos unha mensaxe de texto, temos unha chamada perdida ou a batería está a piques de esgotarse. Ten unha autonomía de ata 240 minutos en chamada e 320 horas en espera, e aspira a ser un agasallo ideal no Nadal, pensando principalmente en persoas maiores, que non desexen dispositivos complicados ou teñan dificultades de visión ou oído.

JPEG - 70.7 KB
Co novo móbil Emporia estréase no formato de cuncha

PUBLICIDADE