Chega a España o pequeno grande disco externo de LaCie

xoves, 3 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Este disco externo encerra moita capacidade en pouco espazo

O éxito dos ordenadores portátiles, e a súa necesidade de almacenamento, fai que os discos duros externos se convertesen nun accesorio case imprescindible, e cada vez teñen unhas prestacións máis avanzadas e unha aparencia máis coidada, polo que non debería sorprender a chegada do LaCie Little Big Disk Quadra, que en 4 x 8,5 x 14 centímetros e só 650 gramos de peso encerra unha capacidade de almacenamento de ata 1 Tb.
Amais, o pequeno grande disco de LaCie que vén de chegar a España conta cunha conectividade excelente (USB 2.0, FireWire 800, FireWire 400 e eSATA de 3 Gbps) podendo incluso alimentarse a través de FireWire (para USB e eSATA precisa da súa fonte de alimentación). Inclúe aplicacións para facer copias de seguridade dende Windows e Mac OS X, e incluso é compatible coa Time Machine de Leopard.
No caso de querer que funcione a unha velocidade superior, o disco incorpora RAID 0, aínda que hai que indicar que as versións de 1 Tb e 500 GB deste disco funcionan só a 5.400 rpm, mentres que o modelo de 400 Gb chega ás 7.200 rpm, vendéndose estas unidades a 549, 289 e 379 euros respectivamente.

PUBLICIDADE