Chega a España o plan de Netflix con anuncios

xoves, 10 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Tal e como se anunciara, hoxe botou a andar o novo plan de Netflix en España, que por 5,49 euros/mes permiten acceder a boa parte dos contidos da plataforma (agás certas series e películas das que carecen de licenza para distribuílas baixo tal modelo de negocio) con publicidade, a 720p, nun único dispositivo á vez e sen a posibilidade de descargar os contidos para a súa reprodución sen conexión á Internet.
O plan Básico con anuncios de Netflix permite gozar de películas e series a un prezo máis económico (o plan Básico ordinario custa 7,99 euros/mes, mentres que o plan Estándar custa 12,99 euros/mes e o plan Premium ten un prezo de 17,99 euros/mes), asegurando que de media só se amosarán 4 minutos de anuncio por hora (agás nos perfís infantís, que estarán libres de publicidade).
Pero o novo plan Básico con anuncios ten outra limitación moi importante, e é que non é compatible con todos os dispositivos que actualmente permiten acceder aos contidos de Netflix. Concretamente non funciona en consolas PlayStation 3, en dispositivos Apple TV, nas 3 primeiras xeracións de Chromecast (ou sexa, os Chromecast sen Google TV) e dispositivos móbiles con versións vellas de Android ou iOS (anteriores ás versións 7 e 15 respectivamente).
Entre os contidos que non están dispoñibles no plan Básico con anuncios estarían series como The Crown, Cobra Kai, Breaking Bad, House of Card ou Peaky Blinders.
En definitiva, que antes de contratar o novo plan Básico con anuncios cómpre analizar se empregamos dispositivos compatibles para consumir os contidos e se poderemos ver todo o material que nos interesa.

PUBLICIDADE