Chega a España o trofeo europeo Guitar Hero World Tour

venres, 28 de novembro do 2008 Raquel Noya

Rapaces xogando ao Guitar Hero World Tour na FNAC de A Coruña

Activision e Fnac veñen de darlle unha alegría a todos aqueles que tiñan ganas de probar o Guitar Hero World Tour (como se dos mesmísimos concursantes de Gran Hermano 10 se trataran) ofrecéndolle a oportunidade de participar no concurso europeo oficial onde poder demostrar a súas destrezas musicais ante os seguidores da saga de todo o mundo.
O concurso conta de tres fases: unha previa, que rematou o pasado 26 de novembro; unha semifinal nacional, que se desenvolverá entre hoxe, venres 28 de novembro e o vindeiro día 1 de decembro en 17 centros Fnac de toda España; e unha final europea, que terá lugar en Madrid o vindeiro día 7 de febreiro e na que se enfrentarán os gañadores de España, Portugal, Francia, Holanda, Bélxica, Italia e Suíza.
O primeiro clasificado da final nacional, ademais de recibir unha praza na final europea, recibirá unha consola Xbox 360 e un xogo completo Guitar Hero World Tour.
Ademais dos modos que xa se incluíron no Guitar Hero III: Legends of Rock, Guitar Hero World Tour presenta como novidade o modo batalla de grupos, no que ata oito xogadores poden desafiarse mutuamente para descubrir quen son os mellores. Nos modos de grupo, ata catro xogadores poden unirse para tocar, ben sexa en liña ou sen conexión, e no modo carreira, os solistas poderán tocar os instrumentos do xogo na orde que mellor lles pareza durante as súas actuacións.
Asemade, o innovador estudio de música permítelle aos xogadores plasmar a súa creatividade musical cunha serie de ferramentas para crear música dixital a partir dunha mostra empregando tódolos mandos, e logo poderán tocar as súas creacións no xogo.
Os compositores tamén poderán compartir as súas gravacións posteriormente cos seus amigos a través do servizo GHTunes, onde outros xogadores poderán descargar estas pezas únicas e disfrutar do suministro infinito de creacións musicais.
A versión para Wii de Guitar Hero World Tour, conta co modo exclusivo Mii Freestyle, unha mecánica de xogo intuitiva, que conecta aos xogadores coa música dun xeito novidoso.

PUBLICIDADE