Chega a Negreira a xira do INCIBE sobre ciberseguridade

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

Tendo en conta a importancia da ciberseguridade e a confianza dixital, dous dos retos máis importantes aos que se enfrontan gobernos, empresas e cidadáns para acadar un pleno uso da Sociedade da Información, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), en colaboración co Concello de Negreira, pon en marcha durante o luns 7 e mailo martes 8 de outubro, un conxunto de accións de sensibilización, concienciación, educación, promoción e divulgación en materia de redes seguras.
O obxectivo é “favorecer a confianza na adopción das tecnoloxías dixitais de cidadáns, pemes, profesionais e fortalecer as capacidades da sociedade (cidadáns, menores, pemes, profesionais e autónomos)”.
#Experiencia INCIBE é un conxunto de experiencias itinerantes que percorre toda España e permanecerá instalada na entrada do Centro Sociocultural da vila nos seguintes horarios:
- De 09:00 a 14:00 horas reservado para o CEIP O Coto, o IES Xulián Magariños e asociacións do concello de Negreira.
- De 16:30 a 19:30 horas, entrada libre.