Chega á Xbox 360 o remake en alta definición de Karateka

mércores, 7 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O creador do clásico Prince of Persia, Jordan Mechner, estreou en 1984 para ordenadores Apple II o xogo Karateka, que adaptaríase posteriormente á meirande parte de plataformas do momento (dende ordenadores de 8 bits ata videoconsolas), que partía dun argumento moi tópico: o heroe tiña que enfrontarse a numerosos contrincantes para penetrar na fortaleza dun malvado señor da guerra para liberar á súa moza secuestrada, sorprendendo no seu momento pola súa fluidez de movementos (como tamén pasou con Prince of Persia), e pese a non ser un alarde de orixinalidade, estrea hoxe un remake para Xbox 360, que pode adquirirse por 800 puntos (9,6 euros).
O novo xogo conta co deseño artístico de Jeff Matsuda (Batman: The Animated Series) e con música de Christopher Tin (Civilization IV). O novo Karateka amosa unha estética de debuxo animado grazas á técnica do cel-shading, animando ao xogador a guiar a 3 guerreiros para liberar á fermosa Mariko do malvado Akuma.
Polo momento este título só está dispoñible para a consola de Microsoft, pero agárdase que antes de rematar o mes estre versión para PlayStation 3 (PlayStation Network), PC (Steam) e iOS (App Store), animando ao público á súa compra mediante un divertidísimo anuncio no que renden homenaxe ao xogo orixinal á vez que presentan atinadamente a súa revisión:

No xogo podemos empregar a 3 guerreiros distintos
Os distintos guerreiros teñen técnicas distintas

PUBLICIDADE