Chega a cuarta edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para internacionalizar pemes galegas

martes, 6 de maio do 2025 S. P.

Alá polo 2022 nacía Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica que xurdía da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- sociedade participada pola Xunta de Galicia (entidade encargada da súa xestión e coordinación).
Neste 2025 Galicia Avanza chega á súa cuarta edición coa selección de 30 novas empresas. Dicir que, das empresas seleccionadas, 12 proceden da provincia de Pontevedra, 8 de Ourense, 6 da Coruña e 4 de Lugo. Nos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará até febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Poderán beneficiarse de servizos como a protección internacional das súas marcas e deseños industriais, a realización de estudos e prospeccións de mercado, a confección de axendas internacionais e outros aspectos que poidan contribuír á súa internacionalización.
Unha das empresas que vai participar no programa usa as novas tecnoloxías e a Intelixencia Artificial para axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo, desenvolvendo diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira.
Outra achega unha solución de realidade virtual dirixida á estimulación físico-cognitiva de persoas con demencias ou trastornos neurocognitivos. Tamén hai unha firma centrada no desenvolvemento de software e transformación dixital, que busca internacionalizar o seu servizo de migración de grandes volumes de datos á nube. Outra adícase ao desenvolvemento de software na nube para empresas que venden os seus produtos en máquinas expendedoras. Por outro banda, temos unha plataforma baseada en IA para monitorizar e optimizar o rendemento das máquinas de café nos establecementos de hostalería e restauración. E unha empresa proporciona solucións para automatizar procesos empresariais.
No terreo da construción, unha das firmas desenvolve, mediante tecnoloxía propia, equipos de protección individual, tratando de reforzar a internacionalización da súa liña de sistemas anticaída e solucións dixitais neste eido.
En resumo, Galicia Avanza acolle a empresas que achegan produtos e servizos tan diversos como unha pemes que quere comercializar no mercado exterior os seus produtos tecnolóxicos para o sector agropecuario e para os afeccionados á agricultura, desde forraxeiras automatizadas até galiñeiros intelixentes.