Chega a nova edición de Alento, con servizos gratuítos de mercadotecnia e comunicación

venres, 25 de abril do 2025 S. P.

A Xunta lanzou a nova edición do Programa Alento (Impulso a comunicación para emprender). Fíxoo en colaboración co Clúster de Comunicación de Galicia e co obxectivo de ofrecer (de balde) unha axuda para que, arredor de 30 proxectos de emprendemento, poidan acceder a distintas solucións en mercadotecnia e comunicación, executadas por expertos vinculados ao Clúster.
A Xunta e a agrupación empresarial sinalan que a nova edición abrangue un catálogo de 10 servizos para capacitar á comunidade emprendedora ante os novos retos do mercado. Entre os servizos ofertados atópanse o deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e comercio electrónico, definición da estratexia e accións de mercadotecnia dixital, desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo-marketing e tamén produtos de impresión publicitaria.
Cun orzamento de 120.000 euros, búscase beneficiar arredor de 30 proxectos para acompañalos nos procesos de xestión de saída ao mercado, conexión co seu público obxectivo e na creación de marcas que aporten valor aos seus clientes, a través de 38 empresas expertas neste eido, “o que supón un incremento do 30 % en relación á pasada convocatoria”, informou a Xunta, engadindo que na edición deste ano, e como novidade, primaranse aqueles proxectos vinculados ao comercio local (sobre todo ao pequeno comercio de proximidade) e aqueles que se sitúen en concellos de menos de 25.000 habitantes, “contribuíndo así ao reequilibrio territorial e á dinamización do medio rural e da contorna semiurbana”.
O prazo para a inscrición de proxectos está aberto ata o vindeiro 12 de maio e os interesados poderán presentar a súa iniciativa emprendedora a través da web do Programa Alento, valorándose posteriormente distintos aspectos como a viabilidade, a transferencia de coñecemento, a xeración de innovación, o impacto económico ou cuestións relativas ás persoas emprendedoras das iniciativas como a súa formación, experiencia profesional ou coñecementos técnicos do proxecto.