Chega a segunda das tres convocatorias anuais do programa de innovación ReAcciona

luns, 16 de maio do 2022 S. P.

O DOG publicou a resolución da segunda das tres convocatorias lanzadas este ano no marco do programa ReAcciona, iniciativa do IGAPE, GAIN e AMTEGA destinada a poñer ferramentas innovadoras ao servizo das empresas para, precisamente, acadaren estas máis innovación. En concreto, ReAcciona mobiliza recursos humanos e tecnolóxicos para dar azos á transformación nos negocios, ao seu financiamento e ao seu deseño. Ao seu abeiro lévanse a cabo proxectos ligados ao desenvolvemento estratéxico, á profesionalización e á dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou a mercadotecnia de contidos.
Entre os servizos máis demandados polas empresas sitúanse os de análise do potencial competitivo, os da mellora da xestión financeira das empresas, e o asesoramento para o relanzamento comercial. Así mesmo, no eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos centrados no financiamento da innovación e na dixitalización, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio na mercadotecnia.
O IGAPE lembra que os servizos do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.
A Xunta de Galicia cobre un mínimo do 75% do custo para a PEME, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.
O programa, en cuxo desenvolvemento colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), facilitou desde a súa posta en marcha en 2012 o impulso de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

PUBLICIDADE