Chega a segunda edición da feira virtual galego-portuguesa de emprego universitario: Finde.U
luns, 20 de marzo do 2017
Este
martes 21, e até o día 24, celébrase un evento que dalgunha
maneira complementa e amplía cara a novos horizontes (horizontes
dixitais e sen limitacións de espazo) os obxectivos e estratéxicas
do
Foro Tecnolóxico de Emprego, desenvolvido hai uns días no Campus de
Vigo. Estamos a falar da segunda edición da Feira
Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada
polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro.
Segundo puidemos saber, nela van participar máis de cen empresas
procedentes de todos os recantos de Europa. Lembrar que na edición
anterior concorreron 78 firmas ofertando 1.324 postos de emprego para
os que se recibiron máis de 4.400 currículos. As novas tecnoloxías
e a enfermería foron os ámbitos máis demandados da convocatoria de
2016.
O
obxectivo da Área de Emprego da UVigo, co-organizadora, é que
“durante catro días expositores de toda Europea teñan a
oportunidade de entrar en contacto virtual con máis de 60.000
estudantes e 110.000 titulados e tituladas das tres universidades
organizadoras”. A estes estudantes e titulados cómpre engadir
os egresados doutras institucións educativas de toda Europa que se
atopen na mesma situación de procura de emprego, prácticas ou
oportunidades de investigación.
Na
anterior edición desta feira participaron 114 expositores virtuais:
78 empresas con necesidades de contratación de persoal, 23 servizos
ou puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 13
entidades relacionadas co ámbito da rede Eures. Dende a organización
(a devandita Área de Emprego) explican que o sector con máis
demanda foi o das novas Tecnoloxías da Información e a
Comunicación, as TIC, que copou o 32% do total dos requirimentos. A
continuación situouse enfermaría, coa cuarta parte das demandas.
Segundo explican o impulsores desta feira virtual, no caso das TIC a
demanda é moi alta tanto en España en Portugal coma no resto de
países, mentres que no caso de enfermaría a demanda vén sobre todo
do estranxeiro.
Por países, os máis representativos no que a
oferta de postos de traballo se refire, foron Alemaña, Reino Unido,
España e Portugal, seguidos de Malta, Suecia, Noruega, Dinamarca,
Holanda, Bélxica e Eslovaquia.
Ao
igual ca o ano pasado, esta feira virtual completarase a finais de
ano con dúas feiras presencias, unha en Porto, que se celebrará do
17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes.
Na
primeira edición da feira, celebrada o pasado mes de novembro, ao
longo das catro xornadas nas que se prolongou este actividade, preto
de 5.000 estudantes das universidades de Vigo, Porto e Tras-
Os-Montes e Alto Douro visitaron os stands das máis de 120
empresas e institucións que participaron.