Chega a sexta edición de ViaGalicia cun orzamento de 2 millóns de euros

venres, 15 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse a sexta edición da que con toda probabilidade sexa a aceleradora de empresas innovadoras máis importante da nosa terra: ViaGalicia, impulsada novamente polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta co obxectivo de xerar coñecemento avanzado e facer todo posíbel para que as ideas e proxectos dos nosos emprendedores se convertan en potentes realidades de mercado. Segundo fixo saber ante os medios o delegado da Zona Franca, David Regades, nesta edición darase prioridade á calidade dos proxectos fronte á calidade, e “apoiaranse aquelas iniciativas que demostren meirande fortaleza no seu sector e maior capacidades para xerar emprego”. A sexta edición de ViaGalicia será, polo tanto, unha versión aínda máis mellorada e optimizada da lanzadeira.
Segundo se fixo saber hoxe, o prazo para presentar proxectos ficará aberto até o 1 de abril. De moi variadas maneiras e dende diferentes frontes, os responsábeis de ViaGalicia porán ao alcance da man das emprendedoras e emprendedores recursos para mellorar os seus modelos de negocio e adquirir financiamento.
Cun orzamento de 2 millóns de euros, ViaGalicia fornecerá aos proxectos seleccionados de formación, de asesoramento, de espazos de traballo colaborativo (coworking) e, finalmente, de financiamento para aquelas startups que cheguen á fase de aceleración. As solicitudes para participar poden presentarse a través da web viagalicia.gal.
Respecto dos procedementos a seguir logo da recepción de candidaturas, na presentación de hoxe fíxose saber que se levará a cabo unha primeira selección dun máximo de 80 proxectos entre as dúas sedes de ViaGalicia (situadas en Vigo e Lugo), que poderán participar na xornada Startup Day. Nesta xornada avaliaranse as habilidades dos emprendedores e sairán seleccionados até 40 proxectos (20 por sede) para a súa pre-aceleración durante a fase de Academia. Durante este sete semanas de Academia, achegaránselles as ferramentas e coñecementos necesarios para mellorar o seu modelo de negocio e a comunicación da súa proposta de valor. Máis tarde, no Demo Day, os responsábeis dos proxectos seleccionados defenderán a súa proposta fronte ao comité técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras. O comité elixirá os mellores proxectos (até un máximo de 15), que pasarán á fase de Aceleración durante un período de seis meses no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán).
Durante a devandita fase e co apoio dun experto equipo de titores e mentores, os emprendedores prepararán a presentación dos seus proxectos empresariais a futuras roldas de investimento. A sexta edición finalizará coa celebración do Investors Day, xornada na que defenderán os seus proxectos fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento.
Oito millóns de investimento
Desde a súa posta en marcha no ano 2013, xa se investiron 8 millóns de euros neste programa de aceleración, ao que se presentaron máis de 1.000 candidaturas e das que se impulsaron máis de 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas, xerando así 340 novos empregos.

PUBLICIDADE