Chega á súa 10ª edición o curso de Vitae sobre Microsoft Power Bi

martes, 24 de xaneiro do 2023 S. P.

Vivimos na era dos datos, e arredor deles xira boa parte da nosa vida persoal e profesional. No caso das empresas, cobran a aínda mis relevancia. Porén, como tantos outros activos empresariais, os datos non serven de moito senón están ben xestionados, habilitados, compartidos, protexidos e empregados. Ferramentas das que podemos botar man para lograr un tratamento da información empresarial o máis eficaz e rendíbel posíbel hai moitas e variadas, pero Vitae Consultores ofrécenos unha reposta segura, cómoda e inmediata: o curso Microsoft Power BI: Modelado e Análise de Datos que chega á súa décima edición este inverno. Será os días 27 e 28 de febreiro e máis os días 1, 2, 6, 7, 8 e 9 de marzo.
O curso, de 20 horas lectivas en 8 sesións, ten o obxectivo de ilustrar aos asistentes sobre un dos recursos máis destacados e populares dos que podemos botar man para tomar as mellores decisións nos negocios: Power BI, unha solución formada por un conxunto de ferramentas que permiten obter datos de moi diversas fontes, integralos e convertelos logo en información útil e rendíbel que pode ser compartida en eficaces ferramentas de visualización e colaboración.
Segundo explica Vitae, esta actividade formativa ten por obxectivo introducir aos asistentes no manexo da ferramenta de Business Intelligence Microsoft Power BI. “A partir de diferentes orixes de datos aprenderemos a crear auténticos cadros de mando que nos axudarán na toma de decisións”, sinala a consultora, poñendo o foco nas posibilidades complementarias do Power BI Dekstop como método de axuda para obter a información, analizala e representala graficamente. “Arrincaremos cunha introdución á Intelixencia nos Negocios e coñeceremos todo o contorno Power BI (dekstop, servizo, aplicacións móbiles) e faremos as primeiras transformacións sobre un proxecto rematado para familiarizarnos co programa, e deste xeito, ter un enfoque global que nos servirá para debuxar o camiño na formación”, sinala Vitae debullando o que sería a introdución do curso, que abordará de cheo cuestións como a integración de datos con Power Query; a creación de gráficas, tarxetas, mapas ou visualizacións, ou as metodoloxías para compartir os informes creados e crear apps de visualización.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE