Chega á súa edición 21 o curso de Vitae sobre proxectos áxiles con Scrum

martes, 27 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai organizar a nova edición dun dos seus cursos máis “históricos”, o Curso sobre Dirección e Xestión e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software. De feito, estamos a falar da edición 21 deste obradoiro, o que fala ás claras (este longo número de convocatorias) do interese xerado polo mesmo e da súa relevancia. E por que é tan importante? Pois, en primeiro lugar, porque familiariza aos profesionais dixitais con algunhas das metodoloxías máis eficaces para estar na mellor sintonía posíbel coas demandas, necesidades e intereses dos usuarios e clientes. O curso, de feito, prepara aos participantes para que, no camiño iniciado cun proxecto, todos os treitos estean ben trazados e leven a destino da maneira máis rápida e cómoda. A actividade formativa celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 6, 7, 13 e 14 de abril.
Segundo lembra Vitae, trátase dun obradoiro de 20 horas encamiñado a adestrarnos nos recursos indicados para poñer en marcha os devanditos modelos de tráballo áxiles. Uns modelos que poñen en xogo compoñentes extra de eficacia e rendibilidade e que, ademais, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan e o que desexan mesmo antes de que isto sexa formulado.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
O encargado de impartir estes contidos será Santiago Antelo, enxeñeiro superior en Telecomunicación, especialidade de Electrónica, na ETSE de Telecomunicación de Vigo. A día de hoxe, Santiago é o responsábel da Área de Desenvolvemento de Vehículo Eléctrico e Integración no CTAG e encargado de proxectos dende 2010. Ten ás súas costas máis de 14 de experiencia como enxeñeiro en iniciativas con metodoloxías áxiles (Scrum, Kanban, Lean) e de predición (PMI) ligadas ao sector do motor, á area de arquitectura electrónica e á área de Tecnoloxías da Información (TI). Ten xestionado con metodoloxías áxiles, levando a dirección técnico, un equipo internacional de 35 persoas en tres sedes (Vigo, Bucarest e París). Entre as empresas e entidades que ten asesorado atópanse o CTAG, Indra, PSA Peugeot – Citroën, Valeo, Ministerio de Economía e Competitividade, Renault, Universidade Autónoma de Madrid, Universidade de Vigo, etc.

PUBLICIDADE