Chega ao mercado a baliza conectada Hella V-16 froito da colaboración entre Hella e a galega Netun
martes, 1 de agosto do 2023
- Baliza conectada para o automóbil nunha imaxe de Jorge Costas
Hella, fabricante alemán de compoñentes
electrónicos e de iluminación para a industria do automóbil,
anunciou o lanzamento ao mercado da súa baliza V-16 conectada coa
DXT (Dirección Xeral de Tráfico). Trátase da baliza conectada
Hella V-16, un elemento de sinalización que será equipamento
obrigatorio en todos os vehículos a partir de xaneiro de 2026. Este
produto é froito da colaboración entre Hella e Netun Solutions,
empresa galega pioneira en solucións de sinalización de elementos e
incidentes na estrada.
Segundo explican as empresas, o dispositivo
destaca “polo seu innovador deseño, a súa tecnoloxía LED e o seu
dispersor transparente”, ao que se engade “unha iluminación
inmellorábel que garante que o vehículo sexa visíbel en todas
direccións a un quilómetro de distancia, aínda en condicións de
baixa luminosidade”
Hella e Netun engaden que “a baliza Hella V-16
foi deseñada co obxectivo de salvar vidas na estrada, permitindo
sinalizar un vehículo accidentado ou detido na vía sen necesidade
de que os seus ocupantes abandonen o habitáculo”.
Este dispositivo conectado envía de maneira
inmediata, automática e anónima unha notificación ao centro de
control de tráfico da DXT para indicar a xeolocalización do
vehículo. Esta información é compartida en tempo real a través da
Plataforma DXT 3.0 e do Punto de Acceso Nacional aos demais usuarios
da vía que reciben a notificación, tanto nos paneis de información
que hai nas estradas coma nas aplicacións de mobilidade no seu
teléfono e nos propios coches conectados.
“De acordo co Real Decreto de Auxilio na
estrada, as balizas V-16 xa son o substituto legal dos triángulos de
emerxencia e se ben na actualidade pódese usar calquera dos dous
dispositivos para sinalizar un incidente na estrada, a situación
mudará a partir do 1 de xaneiro de 2026, cando os triángulos de
seguridade deixarán de estar permitidos e será obrigatorio levar
unha baliza V-16 conectada, como a de Hella”, explican dende Netun,
lembrando que a día de hoxe existen dous modelos V-16 no mercado,
con e sen conexión. A V-16 conectada será a única baliza legal a
partir de xaneiro de 2026, “polo que quen a adquira xa non terá
que facer un dobre investimento”.
A baliza conectada Hella V-16 fabrícase en
España, estará dispoñíbel no mercado en agosto, a un prezo de
venda recomendado de 54,95 €. O prezo inclúe conectividade á
plataforma DXT 3.0 ata finais de 2037, tal e como establece a
normativa.