Chega ao mercado a cámara Polaroid Snap

martes, 27 de outubro do 2015 Marcus Fernández

As fotografías instantáneas de Polaroid resístense a dicir adeus, e comeza a chegar ás tendas a nova Polaroid Snap, unha cámara dixital que integra unha impresora Zero Ink para poder reproducir as fotografías tomadas en fotografías de 50 x 75 milímetros, procurando así recuperar a experiencia física da fotografía, sen sacrificar portabilidade e versatilidade.
Esta cámara, presentada en setembro na feira IFA de Berlín, está por fin dispoñible en Amazon.com a un prezo de 99,99 dólares (90,54 euros) cando o modelo anterior desta cámara está á venda en España a 199,99 euros, polo que esta revisión que agardamos que chegue pronto ás nosas tendas será moito mellor recibida polo noso peto (tanto polo prezo como polo seu deseño máis compacto).
Estamos ante unha cámara de 10 Mpíxeles, que conta con efectos para poder disparar fotografías en branco e negro ou sepia (conta incluso cun modo fotomatón no que podemos disparar 6 imaxes en 10 segundos), e que emprega como almacenamento tarxetas microSD de até 32 GB, ou sexa, que aparte de imprimir as fotografías, tamén se ten un respaldo dixital, para que logo poida compartirse ou gardarse en formato dixital.
Cómpre destacar que a cámara carece de pantalla LCD, ou sexa, que o seu encadre realízase mediante un pequeno visor que pode elevarse (e que sería o que acendería a cámara) como se fose unha cámara compacta tradicional, o que fai que a súa experiencia de uso sexa aínda máis retro.

A cámara Polaroid Snap pódese mercar en distintas cores

PUBLICIDADE