Chega ás tendas Star Wars Battlefront

xoves, 19 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi importante para os seareiros da franquía de Star Wars, pois aínda que falta preto dun mes para a estrea de El Despertar de la Fuerza, estréase finalmente o videoxogo Star Wars Battlefront, que xa pode mercarse en versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC, podendo converterse nun dos xogos máis vendidos do ano se atendemos á boa resposta da súa beta aberta, que non só permitiu comprobar a solidez da súa infraestrutura de rede, senón que tamén foi una pequena mostra que deixou a millóns de xogadores con ganas de máis.
Este novo shooter multi-xogador é obra de EA e DICE (creadores de franquía Battlefield), o que para moitos é toda unha garantía para un título deste xénero que goza de grandes atractivos como o feito de estar ambientado no universo de Star Wars cun deseño visual e sonoro que permite somerxerse ao usuario en escenarios moi recoñecibles para os seareiros deste mundo de ficción; permite participar en grandes batallas épicas; permite encarnar a personaxes míticos de Star Wars como Darth Vader e Boba Fett, á vez que tamén achega a interacción con algúns dos personaxes máis queridos da triloxía orixinal; non limita a acción ao chan, senón que tamén conta con combates aéreos nos que non faltan as naves máis coñecidas da grande pantalla; e incluso destaca polo feito de que o xogador pode cambiar en calquera momento entre un punto de vista en 1ª ou 3ª persoa (sendo tamén posible formar parte tanto do Imperio como da Alianza Rebelde).
Aínda que estamos ante un xogo claramente orientado ao xogo en rede, tamén é posible gozar de misións fóra de liña en solitario ou en modo cooperativo, o que facilitará a moitos o coller experiencia antes de abordar grandes batallas en liña con dende 8 a 40 xogadores simultáneos.
Star Wars Battlefront está dispoñible tanto en lotes con consola como de xeito independente, podendo mercarse na súa edición estándar, na edición de luxo e incluso nunha edición definitiva (que incluiría o pase de tempada que garante o acceso aos 4 paquetes de expansión que sairán nos vindeiros meses) a prezos recomendados de 59,95, 69,95 e 119,90 euros respectivamente nas edicións para PC, mentres que en consolas de nova xeración o prezo oficial incrementaríase en 10 euros (aínda que é relativamente doado atopar o xogo para consola a menos de 60 euros).

Tráiler de Star Wars Battlefront

PUBLICIDADE