Chega ás tendas Street Fighter V

martes, 16 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Tras bastantes meses de espera e varias fases de proba con grande participación, chega hoxe a PlayStation 4 e a PC o agardado xogo Street Fighter V co que Capcom inicia unha nova xeración de xogos de loita que vai dar moito de si no vindeiros meses, xa que suporá un importante cambio con respecto das anteriores entregas, xa que contará con xogo cruzado entre das distintas plataformas e non terá versións anuais que se vendan por separado (segregando aos xogadores) senón que recibirá actualizacións constantes.
O xogo achega uns gráficos espectaculares e cun nivel de detalle sen precedente, ofrecendo diversión para loitadores experimentados e para principiantes, permitindo tamén desafiar aos amigos en liña ou competir no Capcom Pro Tour que deixa claro que os torneos de xogos de loita máis importantes son sempre os desta franquía.
Este lanzamento ofrece por fin a oportunidade de xogar a Street Fighter V nos seus distintos modos, pero podemos considerar que non estamos ante o xogo completo, xa que para garantir a calidade do produto final Capcom decidiu que a historia cinemática deste título non chegue até o mes de xuño, cando se estreará como actualización de balde.
O xogo non estará libre de contidos adicionais de pagamento, pero para evitar as habituais críticas a Capcom por abusar dos contidos descargables, desta volta non será obrigado pagar con cartos por este material, senón que tamén poderá facerse coa moeda virtual do propio xogo (aínda que os xogadores que non queiran agardar a atesourar os cartos electrónicos suficientes sempre poden pasar por caixa con cartos reais).

O cadro inicial de loitadores de Street Fighter V irase ampliando progresivamente mediante contidos descargables
Con este lanzamento inicia unha nova xeración de xogos de loita a nivel competitivo

Tráiler cinemático do xogo

PUBLICIDADE