Chega ás tendas en liña a primeira entrega do xogo galego AR-K
xoves, 10 de febreiro do 2011
A aventura gráfica galega AR-K, da que falamos hai pouco na nosa web
con motivo da súa posta en longo, comezou esta semana a súa distribución
internacional. Segundo se di na Rede, a chegada ás tendas en liña do videoxogo
estenderase ao longo de 2011 e en cinco quendas, unha por cada entrega-capítulo
da aventura. A primeira achega (Sexo,
mentiras e traballos de clase) sae
a un prezo de 5,95 euros, e, coma as que están por vir, caracterízase sobre
todo pola vontade de mesturar xéneros (intriga, comedia, ciencia ficción). Como
dixemos en Código Cero, detrás deste proxecto atópase Gato Salvaje, unha
empresa creada por catro mozos da Coruña (Sergio Prieto, Javier Vara e Javier
Vilar). O xogo AR-K, que irrompe nun
principio en computadores con Windows (e coa vista posta en futuras versións
para Linux e Mac OS X), está dispoñible en galego, castelán, alemán e inglés.
Por certo que non se descarta fornecer á comunidade de seareiros dunha versión
en braille.
O xermolo desta saga está na independencia (coas
vantaxes e inconvenientes que pon en xogo) e máis na arela de facer algo de
gran impacto, divertido e imaxinativo, dende unhas condicións de medios
limitados. De feito, a orixe do produto está nun traballo conxunto dos
responsables de Gato Salvaje desenvolvido en cadanseu domicilio. Aí déuselle
forma ao libreto, aos escenarios e máis aos personaxes. Para que o proxecto se
convertese en realidade, contaron cun orzamento de 50.000 euros, o que entre
outras cousas permitiulles contratar a profesionais da dobraxe, da programación
e do deseño en 3D. O resultado, din eles mesmos e recollen medios como El Progreso, “é un produto independente, de baixo custe
pero de alta calidade”.
Como dixemos, o argumento da saga insírese nun
escenario de ciencia ficción, tirado da longa tradición literaria e cinematográfica
sobre a reconstrución hipotética da realidade que está por vir. A protagonista é
Alicia, unha estudante de xornalismo e nós, os xogadores, asumimos o papel da
persoa que lle bota unha man no enleado proceso de pór os pés na terra logo
dunha noite de xolda e de acordar no medio dunha trama que precisa de
investigación e resolución. Por certo que esta primeira entrega do xogo xa está
dispoñible na páxina web de Gato Salvaje ou ben nas tendas en liña
especializadas.