Chega ás tendas en liña de Nokia o seu Kit Cargador para Bicicleta
xoves, 20 de xaneiro do 2011
O cargador de Nokia para bicicletas que se lanzou
inicialmente só naqueles países nos que había unha grande implantación deste
medio de locomoción como transporte habitual, xa está dispoñible en España a
través da tenda online de Nokia por
un prezo de 45 euros (IVE incluído). Trátase dunha solución de carga
alternativa para teléfonos móbiles da compañía que está especialmente deseñada
para aquelas persoas que se atopan lonxe de fontes de alimentación eléctricas
ou que están concienciadas co coidado do medio ambiente.
Asemade, trátase dunha alternativa moi práctica
para os amantes do ciclismo ou, máis de preto, para os peregrinos que se
achegan a Compostela coas súas bicicletas e que ata o de agora corrían o risco
de quedar sen batería mentres estaban en ruta.
Este kit cargador para bicicleta comeza a
cargar a unha velocidade de 6
Km/h e detense cando a velocidade acada os 50 Km/h. O tempo total de
carga varía dependendo do móbil e a velocidade de pedaleo.
Como exemplo, os responsables da compañía
achegan o seguinte: “con tan só 20
minutos de pedaleo, a unha velocidade de 10 Km/h, pódese cargar de
enerxía a un Nokia 1202 suficiente para 1 hora de conversación ou 74 horas en
espera”.
Este Kit
Cargador para Bicicleta Nokia é compatible con tódolos móbiles da firma que
dispoñan dunha clavixa de carga de 2 mm.