Chega ás tendas españolas a agardada PlayStation 4

venres, 29 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Tras pórse á venda nos EE.UU. hai un par de semanas, hoxe sae á venda a nova consola doméstica de Sony en 20 países europeos e na rexión PAL, de xeito que complétase o desembarco da nova xeración de consolas en España, marcando o comezo dun período de transición no que é de agardar que os xogadores vaian abandonando paulatinamente as súas Xbox 360 e PS3 para saltar á Xbox One e PS4.
A PlayStation 4 chega presumindo de ser a consola máis potente da nova xeración, o que quere demostrar a través dos seus 20 xogos de lanzamento, entre os que figuran Killzone: Shadow Fall, Battlefiled 4, Resogun, FIFA 14, Call of Duty: Ghost, Knack e Assassin’s Creed IV: Black Flag entre outros, contando polo momento con moi poucos xogos exclusivos (detalle no que ten máis terreo conquistado a consola de Microsoft), aínda que é de agardar que o catálogo da PS4 medre considerablemente nos vindeiros anos, tendo na actualidade máis de 180 títulos en preparación como Destiny, InFAMOUS: Second Son, DRIVECLUB, The Order: 1886 e unha nova entrega de Uncharted (da que aínda non se coñecen máis detalles).


Anuncio televisivo para o lanzamento da nova PlayStation 4

Rebaixas nos xogos de PS3, PSP e PS Vita

O novo Flashback é un dos títulos rebaixados esta fin de semana

Pero a chegada da PS4 non fai que a PS3 quede abandonada, e cómpre destacar que polo momento a vella consola continuará a contar cos boa parte dos grandes lanzamentos. A precisamente esta fin de semana, comprendida entre o Black Friday e o Cyber Monday, dende Sony decidiron celebrar 4 días de ofertas na PlayStation Store, onde podemos atopar xogos en formato descargable con descontos de ata o 80%. Entre as ofertas podemos citar algunhas como Super Street Fighter IV Arcade Edition, Dungeons & Dragons: Chronicles of Mystara, Call of Juarez: Gunslinger e Call of Juarez: Bound in Blood por 4,94 euros, Aliens: Colonial Marines e Test Drive: Ferrari Racing Legends por 5,09 euros e Flashback por 4,99 euros; aos que acompañan tamén bastantes títulos para PSP/PS Vita.

PUBLICIDADE