Chega ás tendas o remake de Resident Evil 2

venres, 25 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Un dos survival horror máis lembrado dende o seu lanzamento para PlayStation en 1998 é, sen dúbida, Resident Evil 2, que metíanos na pel de Leon S. Kennedy e Claire Redfield na súa fuxida de Raccoon City tras a transformación dos seus habitantes en zombis tras os eventos do primeiro Resident Evil, e hoxe estréase para Xbox One, PlayStation 4 e PC a un prezo que parte de 59,99 euros o seu remake, ou sexa, que Capcom quixo remasterizar este clásico, pero actualizouno o suficiente como para que teñamos un xogo totalmente novo que conserva o espírito do orixinal.
Estamos ante un xogo modelado dende cero, de xeito que os seus gráficos locen estupendamente en equipos de última xeración, pero tamén o apartado sonoro está coidado para que a experiencia resulta máis inmersiva, o que, xunto coa modernización dos controis supón que esteamos ante un título de hoxe en día, no que se respectan elementos dun clásico, pero engaden sorpresas para que a experiencia sexa refrescante tanto para novos como para vellos xogadores.
Resident Evil 2 presenta unha aventura de acción terrorífica, con exploración chea de suspense e quebracabezas que resolver, de xeito que temos os elementos básicos dun bo survival horror, o que agradará aos seareiros do xénero, que en boa medida quedaron defraudados pola aposta pola acción que tiveron as últimas entregas numéricas desta saga tan icónica.
Tras completar as campañas de Leon S. Kennedy e Claire Redfield desbloquearanse modos de xogo adicionais, que ofrecen unha nova perspectiva dos eventos que se desenvolven en Raccoon City a través de HUNK, un operativo da Corporación Umbrella e un personaxe tofu cun coitelo, nos modos 4º supervivente e Tofu respectivamente. Amais, se volvemos comezar a aventura nos roles de Leon ou Claire, poderemos afrontar unha versión máis desafiante da campaña principal, con elementos da historia e contidos máis pormenorizados a xeito de recompensa. Tamén poderán desbloquearse (ou mercar) novos traxes para estes personaxes.
Para facer aínda máis redondo o xogo, en breve recibirá un contido descargable adicional de balde, The Ghost Survivor, con escenarios hipotéticos ao estilo de que pasaría se? entorno ás vítimas do brote de Raccoon City, para comprobar se sobreviven aos sucesos do xogo principal. Poderemos retroceder o reloxo un chisco e desafiar ao destino que lle espera ao axente da U.S.S., á filla do alcalde e ao dono da tenda de armas.

JPEG - 66.6 KB
Os gráficos do novo Resident Evil 2 teñen un nivel de detalle á altura das máquinas actuais

Tráiler de lanzamento de Resident Evil 2

PUBLICIDADE