Chega ás tendas un renovado Prince of Persia

xoves, 4 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas un dos xogos máis coidados graficamente da tempada, Prince of Persia, que retoma unha franquicia de grande éxito que pronto será adaptada á pantalla grande, pero renovando totalmente a súa estética, para presentar uns gráficos moi semellantes aos debuxos animados (ou mesmo a pinturas) e incorporar a unha compañeira para o protagonista, Elika, que servirá de apoio para completar esta aventura de plataformas que chega para PlayStation 3, Xbox 360 e PC.
Os desenvolvedores deste impresionante título recoñecen terse inspirado en grandes títulos coma ICO e Shadow of the Colossus, que tanto éxito tiveron na PlayStation 2, e optaron por unha estética moi coidada e unha facilidade de xogo que fan que a distancia percorrida dende a primeira entrega da saga publicada en 1989 sexa inmensa (pois a dificultade do xogo orixinal era notable).
Debemos entender que este novo xogo non se trata dunha continuación dos anteriores pois, para comezar, se chama sinxelamente Prince of Persia, sen incluír ningún subtítulo como as anteriores entregas, polo que estariamos ante un novo inicio que de ser ben recibido polo público, terá secuelas, aínda que tamén haberá un videoxogo para adaptar a película inspirada nesta saga (o que resultará sumamente confuso).

PUBLICIDADE