Chega dende o CITIC un novo curso online sobre participación activa en diversidade funcional

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Redacción

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña vén de facer unha relevante contribución ás tecnoloxías que derruban barreiras para a accesibilidade e a inclusión. Segundo informan fontes do CITIC, un grupo de investigadoras e investigadores do centro organizou o curso MOOC (cursos online masivos e abertos polas súas siglas en inglés) sobre Tecnoloxías para a participación activa en diversidade funcional, acollido xa na plataforma MiríadaX.
O curso dará comezo o vindeiro mes, o 10 de febreiro, e é de inscrición libre e gratuíta. Estará impartido polo subdirector do CITIC Javier Pereira e as investigadoras Betania Groba, Laura Neto e Thais Pousada.
En palabras do CITIC, este MOOC ofrece “unha perspectiva práctica e completa sobre as características, funcionamento e aplicacións de diferentes produtos de apoio, programas, aplicacións móbiles, software de programación e robótica”. O obxectivo é que os participantes “adquiran coñecementos básicos sobre diferentes recursos para a promoción da autonomía e a participación das persoas con diversidade funcional”.
O MOOC está composto por 4 módulos (un por semana), cunha dedicación horaria de 4 horas por semana para a lectura e visualización dos materiais básicos de formación, así como para a realización das actividades propostas e participación nos foros.

PUBLICIDADE