Chega o décimo lote de xogos independentes baixo a marca Humble Bundle

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A iniciativa The Humble Bundle, en activo dende 2010, estrea o seu décimo lote de videoxogos independentes a un prezo que define o usuario, que poderá facerse pola cantidade que desexe cos xogos To the Moon, Joe Danger 2: The Movie, Papo & Yo e BIT.TRIP Presentes... Runner2: Future Legend of Rhythm, mentres que, de pagar máis da media (4,40 euros no momento de escribir estas liñas) será posible gozar tamén de Reus e Surgeon Simulator 2013. Cada un dos xogos inclúe a súa banda sonora e os beneficios acadados a través destas vendas irán a parar a entidades benéficas (Child’s Play Charity e Fronteiras Electrónicas).

To the Moon é un dos xogos incluídos no último Humble Bundle

Este proxecto leva achegado máis de 30 millóns de dólares ata o momento a entidades sen ánimo de lucro e, como vén sendo habitual, os xogos distribúense sen DRM para Windows, Mac e Linux e coa posibilidade de que, os que paguen máis dun dólar, poidan incorporar os xogos á súa biblioteca de Steam.
Dos títulos recollidos neste lote humilde cómpre destacar títulos como Papo & Yo (gañador de numeroso galardóns como o mellor quebracabezas dos Premios E3 2011 de IGN) ou o emotivo xogo To the Moon (que pese a ter uns gráficos bastante limitados consegue conmover coa súa historia e a súa música).

PUBLICIDADE