Chega ó mercado europeo o super-teléfono Toshiba Portege G900

mércores, 4 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos días pareza que o iPhone é o teléfono máis desexado do mundo, existen alternativas moi atractivas que xa están á venda en Europa e que poden deixar a máis de un coa boca aberta coma o novo Toshiba Portege G900 que inclúe unha abraiante pantalla panorámica cunha resolución de 800 x 480 píxeles (moi superior ós 480 x 320 do iPhone), un scanner biométrico, unha cámara traseira de 2 Mpíxeles, unha cámara dianteira para video-conferencia, 64 Mb de memoria interna (ampliable mediante tarxetas miniSD) e unha conectividade sen comparación, soportando HSDPA (ou sexa, velocidade semellante ó ADSL dende o móbil), Wi-Fi, Bluetooth e USB.
O Portege G900 inclúe o sistema operativo Windows Mobile 6 e ten un teclado QWERTY deslizante, o que o converte en todo un monstro axeitado para usos corporativos que se vende por uns 635 euros (aínda que nalgunhas webs se vende libre por menos de 600 euros, estando pendente o prezo que poderá acadar subvencionado por algunha operadora de telefonía móbil).

PUBLICIDADE