Chega un novo certame de regueifas en vídeo da man de Enregueifate.gal

mércores, 7 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Os Concellos de Santiago, Ames, Carballo e Teo están a reivindicar na Rede a regueifa e as súas posibilidades de expresión, comunicación e interactividade, non só como un xeito de retrucar tipicamente noso senón con potencialidades de converterse en universal e de conectarnos (pola vía da rexouba) con múltiples culturas no mundo. Para potenciar a improvisación retruqueira galega os devanditos Concellos puxeron en marcha unha nova edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que se poderá participar até o vindeiro 15 de abril e que se materializa a través de www.enregueifate.gal.
Trátase dunha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate, cuxo obxectivo é “que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso, a través da experiencia de regueifar”.
O certame de convócase en dúas categorías: a escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e a xeral, na que pode participar calquera persoa. En todos os casos, a lingua empregada debe ser o galego, en cada vídeo deben aparecer cando menos dúas persoas, e a duración máxima da canción retruqueira será de tres minutos.
En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A inscrición é libre e de balde, e pode facerse a través da web www.enregueifate.gal, onde está dispoñíbel toda a información da convocatoria.
Segundo informan os Concellos, na primeira edición do concurso participaron máis dun cento de persoas. Este ano, o obxectivo é ir alén desta cifra, aproveitando o tirón da iniciativa nas redes sociais, meirande que o da anterior entrega (a día de hoxe a páxina de Facebook do proxecto ten xa máis de 1600 seareiras/os).
Polo que respecta á entrega de premios do certame de regueifas en vídeo celebrarase o 2 de maio de 2018 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.

PUBLICIDADE