Chegan a España os novos reloxos de Huawei

xoves, 7 de maio do 2026 Redacción

Huawei presentou oficialmente en España a súa nova xeración de reloxos conectados, os Huawei Watch Fit 5 e Watch Fit 5 Pro, liña que destaca por un incremento notable no brillo das pantallas e unha autonomía que promete dar resposta ás necesidades dos usuarios máis esixentes sen sacrificar o deseño.
O modelo estándar integra unha pantalla AMOLED de 1,82 polgadas, mentres que a versión Pro eleva a aposta cun panel de 1,92 polgadas, o máis grande da familia Fit ata o momento. Un dos avances máis significativos reside na visibilidade en exteriores: o modelo Pro alcanza os 3.000 nits de brillo máximo, o que garante unha lectura nítida baixo a luz solar directa. No apartado estético, a versión avanzada destaca polo uso dun cristal de zafiro curvo e un bisel de titanio, materiais que achegan unha resistencia superior contra as rabuñaduras e os golpes.
No tocante á saúde e ao rendemento deportivo, a serie estrea o sistema TruSense para unha monitorización máis eficiente. O modelo Pro inclúe a capacidade de realizar electrocardiogramas e analizar a rixidez arterial, sumándose ás habituais medicións de osíxeno en sangue e frecuencia cardíaca. Unha das novidades é a integración de Han-Han, un personaxe interactivo que guía o usuario e reacciona segundo o seu estado emocional, detectando ata doce estados diferentes para fomentar o benestar mental.
A autonomía segue a ser un dos piares de Huawei. Os reloxos contan cunha batería de 471 mAh que ofrece ata dez días de uso lixeiro ou unha semana en condicións normais. Ademais, o Watch Fit 5 Pro introduce por primeira vez baterías empilladas con ánodo de silicio, unha tecnoloxía que optimiza o consumo enerxético. Para os deportistas, o sistema de posicionamento Sunflower asegura unha xeolocalización precisa en calquera contorna.
Os prezos de saída sitúanse nos 199 euros para o modelo Watch Fit 5 e 299 euros para a versión Pro. Co obxectivo de incentivar as vendas iniciais, a marca chinesa ofrece descontos (de 40/50 euros) e accesorios adicionais a través da súa tenda oficial ata o vindeiro 21 de xuño. Ambos modelos manteñen a total compatibilidade con Android e iOS.

O Huawei Watch Fit 5 chega con correas en numerosas cores