Chegan á nosa terra os servizos 4G na banda dos 800 MHz

martes, 21 de xullo do 2015 Redacción

Como avanzamos os días pasados, Ourense está a ser a porta de entrada para a tecnoloxía 4G de Vodafone operando pola banda de frecuencias dos 800 MHz, unha porta cuxa apertura estaba fixada para este 20 de xullo. Este acontecemento, como é de agardar, non é único. De feito complétase cos movementos de ficha das restantes operadoras que achegan 4G (Movistar e Orange), e que estaban todos eles fixados para este luns, por ser este día o establecido polo Goberno para dar vía libre á implantación oficial do uso da banda larga móbil 4G na banda dos 800, cousa que se acompaña dunha cumprida campaña informativa. Esta liberación da banda dos 800 foi o obxectivo do Dividendo Dixital que afectou os meses pasados á Televisión Dixital Terrestre. Agora, co inicio do devandito proceso, Ourense atópase entre as localidades estatais onde se goza do LTE máis veloz e de meirande calidade. Porén, en breve haberá máis: boa parte das provincias de Ourense e A Coruña.
O proceso irá chegando aos poucos. Segundo se informa, debido á complexidade do novo estado de cousas, a activación das antenas realizarase de maneira gradual, comezando en núcleos de poboación estratéxicos e sumando día a día e semana a semana novos concellos á rede.
A través da campaña informativa que acompaña estes traballos explícase que as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange “comezarán a ofrecer en Galicia a partir desta semana servizos sobre a rede 4G na banda 800 MHz, o que permitirá aos aos habitantes da Coruña e Ourense gozar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4G) cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica”.
Por operadoras e a un nivel máis xenérico, Movistar comeza a activación do 4G en localidades do levante e o sur do país. Máis polo miúdo, faio en 25 antenas repartidas nas provincias de Xirona, Tarragona, Castelló, Valencia, Alacante, Murcia, Almería, Málaga, Huelva e Cádiz.
Orange, pola súa parte, comezou co 4G na devandita banda dos 800 en 25 concellos de Coruña, Asturias, Barcelona, Burgos e Cantabria. A estas áreas xeográficas iranse engadindo moitas máis en datas vindeiras (pasados os primeiros días, informou a operadora).

Vantaxes do proceso

O 4G na banda dos 800 MHz supón importantes melloras de cobertura, especialmente nos interiores dos edificios, que sería aproximadamente o dobre da actual, á vez que tamén ampliaría as frecuencias dispoñíbeis, ou sexa, incrementando a capacidade da rede de datos móbiles.

PUBLICIDADE