Chegan as novas consolas portátiles de Nintendo acompañadas por grandes xogos

venres, 13 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é un grande día para os seareiros de Nintendo, pois é o día oficial no que as tendas de toda España teñen dispoñibles as novas consolas portátiles New Nintendo 3DS e New Nintendo 3DS XL, así como os novos xogos The Legend of Zelda: Majora’s Mask 3D e Monster Hunter 4 Ultimate, de xeito que coincidirían no tempo os meirandes lanzamentos da compañía nipoa para a primeira metade do ano.
As novas consolas portátiles son a primeira evolución real da Nintendo 3DS, que agora contan con máis potencia, un sistema de visualización 3D máis cómodo (pois axústase ao ángulo de visión do usuario), tecnoloxía NFC para poder tirar proveito das populares figuras amiibo e incluso un novo stick na parte dereita da consola que facilitaría o control do punto de vista en numerosos xogos (cubrindo unha importante carencia da consola orixinal).
Cómpre destacar que no caso da New Nintendo 3DS teremos unha pantalla que, sen chegar ao tamaño da XL, sería un 20% máis grande que a consola orixinal (o que tamén contribúe a ver mellor as 3D) e como interesante característica que non presentará o modelo de grande tamaño, a nova 3DS tamén terá cubertas intercambiables que veñen en dúas pezas e que presentan unha grande diversidade de deseños e texturas.
As novas consolas tamén chegan acompañadas como un grande xogo como é The Legend of Zelda: Majora’s Mask 3D, unha versión remasterizada do xogo que no ano 2000 saíu para a Nintendo 64, e que poderá mercarse tanto de xeito independente como nunha edición especial da New Nintendo 3DS XL cun deseño inspirado no xogo e que tamén inclúe varios agasallos.
Outro xogo que recibirá o mesmo tratamento é o agardado Monster Hunter 4 Ultimate, un RPG de acción con modo cooperativo en liña e offline no que percorrer os montes para loitar contra enormes e terribles criaturas coa axuda dos nosos compañeiros de aventuras.
Para completar as novidades do día, Nintendo tamén inaugura hoxe o Anime Channel, unha aplicación para as súas consolas portátiles que facilitará a visualización de series de animación que polo momento serán Kirby Serie 1, Pokémon: Advanced e Inazuma Eleven Serie 1.


Vídeo promocional das novas consolas portátiles de Nintendo

PUBLICIDADE