Chegan ás tendas os personaxes de Looney Tunes Deportes Galácticos
xoves, 28 de maio do 2015
Sony Computer
Entertainment España (SCE España) anunciou
a chegada ao mercado español de Looney
Tunes Deportes Galácticos, un xogo exclusivo para
PlayStation Vita que foi desenvolvido, precisamente, por un estudio
emprazado en territorio estatal, Virtual Toys, cuxos responsábeis
dérono a coñecer esta semana en Madrid. O xogo está dispoñíbel
en formato físico a un prezo estimado de 29,99 euros e en formato
dixital para descarga na PlayStation Store a un prezo de 24,99 euros.
O acto de presentación contou coa presenza de Fabriciano Bayo,
director de Virtual Toys e Santiago Cobo, produtor do xogo, onde
estiveron arroupados por Roberto Yeste.
Segundo fixeron saber os
responsábeis deste desenvolvemento protagonizado por algúns dos
máis míticos personaxes do cartoon da casa Warner (como por
exemplo Bugs Bunny), “é un orgullo ter creado e lanzado este
título para a pequena de PlayStation, un título desenvolvido
integramente en España como froito ademais dun acordo cunha gran
compañía como Warner e que estamos seguros será un éxito entre os
nenos”.
Looney Tunes: Deportes
Galácticos é o primeiro título español lanzado pola compañía
en 2015, ao que se sumarán outros proximamente, froito “da
continua aposta de PlayStation España polo talento nacional”,
informaron dende Sony, que ao fío do argumento sinalaron que xira
arredor dunha “gran variedade de aloucadas disciplinas olímpicas”,
poñéndonos na pel dos nosos personaxes favoritos dos icónicos
debuxos animados de Warner Bros: Bugs Bunny, o Pato Lucas, o Coiote
ou o Demo de Tasmania, entre outros. As disciplinas deportivas
dispoñíbeis son: Carreiras no Espazo, Deportes Acuáticos, Boxeo
no Espazo, Tiro con Arco Galáctico, Tiro ao Prato e Golf
Galáctico. Deste xeito, os atletas de Warner terán que
superar desafíos cada vez “máis delirantes” para acadar os
puntos de experiencia e as moedas, cos que os usuarios poderáb
desbloquear novos personaxes de Looney Tunes, cada un coas
súas propias habilidades.