Chrome para Android permite colocar a barra de enderezos na parte inferior da pantalla

luns, 21 de xullo do 2025 Marcus Fernández

A nova opción está dispoñible en Configuración -> Barra de enderezos.

O mes pasado o equipo de Chrome anunciou que estaban a probar entre un número limitado de usuarios a posibilidade de mudar a posición da barra de enderezos do navegador web de Google, para que o usuario poida escoller libremente entre ter a barra na parte superior ou na parte inferior da pantalla do seu smartphone con Android.
A prestación que estaba en probas, agora xa é oficial na última versión de Google Chrome para Android, buscando así atender á demanda dos usuarios que consideran cómodo que a barra de enderezos do navegador estea na parte inferior da pantalla (o que é especialmente práctico se adoitamos empregar o móbil cunha única man).
Esta función que chega agora a Android leva dispoñible en iOS dende finais de 2023, resultando curioso que tardasen tantos meses en replicala no resto de sistemas operativos móbiles.