Chromebook Plus: os portátiles de Google incrementan a súa potencia

luns, 2 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Hai máis dunha década que Google creou un sistema operativo para equipos informáticos baseado na web, dando lugar aos Chromebooks, equipos portátiles que a nivel de hardware habitualmente eran bastante básicos, pero que grazas a contar cun software orientado á nube, ofrecían un funcionamento moi fiable e resultaban doados de administrar en conxunto, de aí que se convertesen nunha opción moi popular en centros educativos estadounidenses.
Conscientes de que cun mellor hardware era posible abrir a porta a máis posibilidades, dende Google presentan agora os Chromebook Plus, equipos co dobre de rendemento, que ofrecen aplicacións de Google integradas e potentes funcións de intelixencia artificial, incrementando así as súas posibilidades a un prezo relativamente asumible, xa que estes equipos saen á venda a un prezo que parte dos 449 euros.
Inicialmente chegan ao mercado equipos Chromebook Plus de Acer, Asus e HP, que funciona con procesador Intel Core i3 de 12ª xeración ou posterior (ou AMD Ryzen 3 serie 7000 ou posterior), un mínimo de 8 GB de RAM, un mínimo de 128 GB de almacenamento, cámara web 1080p+ con redución de ruído temporal e pantalla IPS con resolución Full HD ou superior, equipos que xa de por si terían un desempeño solvente con outros sistemas operativos, pero que con Chrome OS poden resultar especialmente prácticos.
Entre as bondades das que presumen os Chromebook Plus está a posibilidade de gozar de videochamadas aínda mellores, xa que Google Meet incorpora funcións de intelixencia artificial que axudan a mellorar a claridade e iluminación das videoconferencias, axudan a eliminar o ruído de fondo e a desenfocar os fondos cun par de toques, e incluso permiten gozar destas funcións con outras aplicacións.
Os Chromebook Plus tamén poden gozar de aplicacións moi potentes como Adobe Photoshop, Adobe Express e LumaFusion, aínda que para usuarios menos esixentes chegarán funcións avanzades de Google Fotos, como a que permite eliminar elementos non desexados das imaxes ou a posibilidade de aplicar o desenfoque de retrato a fotos xa existentes.
Para usuarios corporativos tamén resultará interesante a posibilidade de poder contratar as funcións de Duet AI en Google Workplace, ou sexa, que poden introducir de xeito decisivo a IA no software ofimático.
Son moitas as novas funcións para os Chromebooks Plus nas que xa están a traballar, e que irán incorporándose nos vindeiros meses, confirmando o interese de Google de levar o seu sistema operativo cada vez máis adiante.

Vídeo promocional dos novos Chromebook Plus

PUBLICIDADE