Chuwi prepara unha alternativa económica á Surface Pro

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

O popular fabricante chines Chuwi, especialmente popular polas súas tabletas con Android e Windows 10, está a ultimar o lanzamento dunha campaña de micromecenado en Indiegogo para a comercialización do seu novo equipo, unha tableta con peaña e teclado extraíble claramente inspirada na Surface Pro de Microsoft, coa que competirá incluso en prestacións, pero buscando un prezo máis asumible, o que podería ser a chave do seu éxito.
Este novo equipo chamaría SurBook e tería unha pantalla de 12,3 polgadas cunha resolución de 2.736 x 1.824 píxeles, procesador Intel Apollo Lake N3450 (considerado un dos sucesores dos procesadores Atom, pertencendo este á familia Celeron e contando con 4 núcleos), 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), Wi-Fi de dobre banda, dous portos USB 3.0, lapis dixitalizador con 1.024 niveis de presión, batería de 10.000 mAh (que podería achegar unha autonomía de até 8 horas), carcasa de metal e sistema operativo Windows 10, que aínda non tería pechado todas as súas especificacións, pero que semella que será un equipo moi atractivo para os que busquen a versatilidade e portabilidade dunha tableta e a potencia e as posibilidades dun ordenador completo, e que tampouco queira realizar un investimento económico elevado.

PUBLICIDADE