Chuza! celebra esta fin de semana a súa primeira asemblea

venres, 11 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Chuza!, o medio galego non xerárquico de información, vén de convocar para este sábado 12 a súa primeira Asemblea Xeral Extraordinaria. Cómpre lembrar que a web que hoxe podemos visitar ten puntos e común coa orixinal (a que foi posta en marcha por Berto Yáñez e logo tivo que pechar polas necesidades de mantemento que precisa), pero tamén algunhas diferenzas. Para comezar, a Chuza! recuperada vén da man dunha asociación cultural, co mesmo nome cá web, polo que tódalas decisións que se toman sobre o seu desenvolvemento parten dos acordos dunha colectividade. De aí a asemblea xeral deste sábado, unha xuntanza a celebrar por medio dunha listaxe de correo (debido á distancia xeográfica que separa á comunidade) e que servirá para trazar as vindeiras novidades de Chuza!, entre outras cousas.

A hora de comezo da xuntanza é as 12 do mediodía, a partir de aí até o intre en que os asemblearios deciden pórlle remate, tendo como límite as 23.59 do domingo. Na web mesma de Chuza! xa está a disposición dos asociados a orde do día, descrita polo miúdo e con posibilidade de ser editada ou mellorada por calquera usuario ao longo das horas previas. Entre as cuestións a tratar atópase a traxectoria mesma da comunidade en liña, achegando datos sobre a situación financeira da mesma e a cifra de rexistros. Tamén se procederá a elixir a nova xunta directiva e a tomar decisións acerca do rexistro da marca Chuza!.

PUBLICIDADE