Ciberseguridade no cole! superou os 6 mil participantes

luns, 23 de outubro do 2023 Redacción

A terceira edición do Concurso Ciberseguridade no cole! acadou un récord de participación con máis de 6.000 escolares de 120 educativos rexistrados. O certame, unha das actividades do Encontro CIBER.gal, vén de celebrar a semifinal en liña, na que se clasificaron coma finalistas os seis centros que participarán na final presencial, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará a comunicadora galega Esther Estévez.
Os centros finalistas da categoría de primaria son o CEP Carlos Casares-Alxén, o CPR Plurilingüe San Fermín e o CPR San Francisco de Vilagarcía de Arousa. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Montespiño, o IES de Foz e o CPR Plurilingüe Losada.
O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do III Encontro CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.
Tras a final, os asistentes poderán asistir á obra de teatro Amanda_T, que abordará as malas prácticas nas redes sociais e as consecuencias reais que poden ter. A continuación terá lugar unha actividade organizada polo INCIBE: Sobe de nivel en ciberseguridade!, na que se amosarán pautas sinxelas sobre a ciberseguridade no uso diario de dispositivos e plataformas online. Nesta actividade poderán participar todos os asistentes presenciais en vivo e en directo, pois tratará de involucrar á totalidade do público alí presente.
Ademais das anteriores, o Encontro CIBER.gal ofrecerá outras actividades complementarias como o concurso Capture the Flag (que terá lugar na xornada do 2 de novembro pola tarde, con sorteos entre os participantes e premios para os clasificados) e catro talleres prácticos de especial interese para perfís tecnolóxicos: Instalación e configuración de Snort sobre raspberry pi para a detección de intrusións en redes industriais, Escalada de privilexios e persistencia en sistemas Linux, Automatización de ataques e emulación de adversarios con MITRE Caldera e Adquisición de evidencias para análise informática forense. As actividades adicionais contan con prazas moi limitadas, entre 24 e 30 participantes como máximo.

PUBLICIDADE